Dios ke te krew

Dios ke te krew: Xénese (portada)

 

 

 

Dios ke te krew

Dios ke te krew: Xénese (contraportada)

DIOS KE TE CREW

Versión en CASTELLANO

(OU UN NOVO INICIO PARA O HIP HOP)

Xénese

1. Nun principio creou Deus a música e o baile.

2. Agora ben, resultaba que a música se atopaba sen forma e deserta e había escuridade sobre a superficie da profundidade das ondas; e a forza activa do baile movíase dun lado a outro sobre a superficie das rúas.

3.Deus otorgoulle a un discípulo seu o poder de mixturar os ritmos e os sons cas súas mans.

4. Entón, Deus entregoulle ó seu discípulo a Santísima Mesa, os Santos Platos e os Divinos Samples, e pasou a chamarlle San Dj.

5. E Deus procedeu a dicir: "Chegue a haber Hip Hop". Entón, chegou a haber Hip Hop.

6. Despois diso, Deus viu que o Hip Hop era bó, e efectuou Deus unha división dentro do Hip Hop.

7. Deus comezou a chamar á música Rap, pero ó baile chamouno Break. E chegou a haber Graffiti e chegou a haber Beat Box, un día primeiro.

8. E Deus pasou a dicir: "Chegue a haber unha expansión"; e houbo unha expansión. Dende o subterráneo ata a superficie, comezando polas cidades e chegando a tódolos rincóns da terra.

9. Deus estaba satisfeito, pero pasado un longo tempo, a ideoloxía do Hip Hop foi malinterpretada pola xente, facendo que un movemento creado para unir, cumplira a función contraria entre os seus membros: separalos entre si.

10. O Hip Hop estaba convertíndose nunha competición, incluso nun enfrontamento agresivo e as veces violento entre crews e entre os seus respectivos integrantes.

11. Isto fixo que a ira medrara en Deus dun xeito tal que o levou a crear unha Crew no seu nome, co obxectivo de predicar a verdadeira doctrina da súa creación.

12. Catro foron os elexidos para formar a Crew, enviados por Deus a un recóndito pobo perdido nunha lonxana terra chamada nalgún tempo Gallaecia.

13. Ó Irmán JamásPuah, ó Irmán Sokram, ó Irmán Mou e ó Irmán García foronselles entregados Os Santos Micros. Pisaron chan na terra dun pobo chamado Ordes e dende alí estenderon a palabra de Deus en forma de Rap, Graffiti, Break e Beat Box.

14. Nacera a "Dios Ke Te Crew".

Os Rumores

Fará cousa dun par de anos comecei a escoitar rumores que dicían que, por fin, había en Galiza un grupo de xente que facía hip hop en galego. Antes ou despois tiña que chegar o momento, e o estoupido que esparexeu o hip hop por todo o globo acabaría por chegar ate aquí. Máis aínda: despois dunha fase inicial na que imperase o mimetismo respeito a tendencias foráneas, xurdirían grupos locais que incorporasen elementos da realidade e a cultura local e, así, producirían algo novo e aportarían un grao de area á variedade do xénero. Esta era a teoría, e os rumores que parecían apoiala falaban tamén de que estes rapaces presentaban un directo currado e unha atitude positiva. A cousa tiña boa pinta, e o ruxe-ruxe foi concretándose pouco a pouco. A peña en cuestión era de Ordes, e facíase chamar Dios Ke Te Crew. Pero, en rigor, tratábase de dous grupos: 5 Talegos, por unha banda, e Ghamberros, por outra. A dia de hoxe, son até 20 os integrantes deste colectivo, entre breakers, graffiteiros, MC´s e DJ´s.

Podemos dicir, polo tanto, que os tempos xa son chegados.

Sábado 6 de Novembro de 2004. M Hip Hop Festival. Multiusos do Sar, Santiago de Compostela.

Entra o DJ, que se limita a premer un botón e ficar de pé a carón da mesa, sudadeira negra coa capucha posta. Comeza a soar unha gravación dunha voz profunda, de ultratumba, que narra a xénese do hip hop. No entanto, e de un en un, os integrantes de DKTC foran entrando ao escenario, ficando agachados cada un nun sitio diferente. A medida que a voz os vai chamando polo seu nome (ver punto 13 do texto no comezo do artigo), érguense. Finalmente, e tras a frase "Nacera a Dios Ke Te Crew!!", comeza a música, contundente, e eles a rapear. Ao mesmo tempo, unha tropa equipada com mascarillas fai un graffiti en tempo real, e ao longo do concerto varios breakers toman o escenario. Todas as artes do hip hop incluidas no espectáculo.

Non direi que foron os grandes trunfadores da noite (esa honra estaba predestinada a Violadores del Verso, os cabezas de cartel), pero si que foron a revelación. Para todos os que aínda non os coñeciamos, xurdira unha banda moi especial. Porque é preciso deixar claro, xa dende agora, que DKTC non é un grupo de "rap hispano" máis. De feito non teñen nada que ver coa maioria dos grupos que pululan pola península ibérica. Poderían, mesmo, ser definidos por oposición: onde predomina a temática "soy el que más mola", DKTC propoñen humildade. Fronte á competición, as envexas e o mal rollo, eles preconizan a unidade e a concordia, no máis puro estilo Old School. Nunha escena na que todas as cancións semellan iguais, eles fíxanse nos máis grandes (Beastie Boys, Public Enemy) e ofrecen bases variadas e potentes, ás veces funky, ás veces ragga, outras máis de trankis, outras máis salvaxes e rockeiras. E, cando a meirande parte dos MC´s españois rapean sobre movidas inventadas e poses ficticias, eles apéganse á realidade e conseguen transmitir universalidade falando do que pasa na casa de enfrente. Iso si, que ninguén pense atopar mensaxes moralizantes ou pretenciosidade nuns ghamberros coma eles.

A Historia

Pero, ¿de onde veñen e onde estiveron todos estes anos? Pois hai que dicir que levan xa case unha década nisto do hip hop, ao comezo por suposto a un nivel totalmente amateur, xuntándose a rapear nun cortello e aprendendo a rañar vinilos pola súa conta. A primeira formación en sair foi 5Talegos, nome que se puxeron porque cando se xuntaban as fins de semana cada un pillaba un talego de costo (e loxicamente eran 5). No mesmo entorno xurdiron Ghamberros, e mercede ás incestuosas relacións entre ambas bandas e outra xente de Ordes foise constituindo a Dios Ke Te Crew. Movéronse, aprenderon, medraron, deron concertos... pero desgraciadamente non se preocuparon moito de gravar. O primeiro que puiden atopar deles foi un CD acreditado a Ghamberros que saiu a mediados do 2004. Nel podiamos escoitar 8 temas, entre os que destacan "Estranxeiros" ou "Ke non pare". Mención especial tamén para ese corte no que descargan a ira do momento contra J.M. Aznar, titulado "Na Moncloa". Foi un comezo prometedor, pero que non chegaba ao nivel amosado nos concertos. E é que non é o mesmo unha banda como Ghamberros, máis modesta, que todo o colectivo DKTC, unha máquina moito máis versátil e poderosa. Hai que dicir que tamén se pode atopar algunha maketa de 5Talegos, aínda que non co acabado "semi-profesional" do CD mencionado. Entre os escasos cortes que gravou este último grupo destaca para min "Apaja a tele", outro trallazo de furia case raggamuffin adicado nesta ocasión a cargar contra o lixo catódico que nos asoballa cando encendemos a TV.

A primeira gravación acreditada á Dios Ke Te Crew que coñezo foi o corte que incluiron na película colectiva "Hai que botalos", recopilación de curtametraxes postos en circulación co gallo das eleccións ao Parlamento galego no 2005. Alí aportaban a banda sonora ao episodio titulado "O derradeiro", o tema titulado -daquela- "Non jodas con Arteijo". Un auténtico temazo que, como anécdota, chegou a pincharse ao remate da manifestación do día da Patria Galega que tivo lugar ese ano en Santiago D.C. Duraba só un minuto e pico, pero tiña calidade abonda para facer que esperásemos impacientes o seu disco longo.

Xénese

E, por fin, chegou o que agardabamos durante tanto tempo. Comezando, como non podia ser menos, coa mesma introducción que nos concertos, e extendéndose durante unha hora, o primeiro LP de DTKC é un bombazo que estará a bon seguro entre o melloriño do ano no que a hip hop se refire. Cortes como "Dios Ke Te Crew", "Herdeiros da dictadura" -que é o anteriormente titulado "Non jodas con Arteijo"- ou esa marabilla de seis minutos chamada "Colleita´s Party", un auténtico prodixio de ritmos e rimas con aire freestyle, forman a avanzadiña dun disco que vai gañando coas escoitas e que agocha moitas sorpresas para o ouvinte desprevido. Non son os únicos temazos do disco, sen embargo: aí está o xa clásico dos concertos "Vas de Verde", a "Profecía" ecoloxista, ou o xa coñecido "Apaja a tele", entre outros. Pero supoño que cada cal terá os seus favoritos, como é natural, xa que no disco non falta onde escoller.

Presente, Futuro

No momento de escribir estas liñas ecoa aínda o éxito colleitado no festival itinerante A Cultura Circula, no que DKTC, aparte de actuar, montaron un show especial para os máis pequenos. Pouco a pouco a proposta desta tropa de Ordes vaise abrindo camiño, o cal é un motivo de ledicia tanto para os afeccionados á música made in Galiza como para os seguidores do hip hop en xeral. A bon seguro que nos depararán aínda moitas sorpresas máis: polo de agora son os máis listos da clase, así que o seu futuro se presenta moi prometedor. Esperemos que os prognósticos se cumplan e poidamos disfrutar de moitas máis entregas como este "Xénese", e, por suposto, de moitas máis das súas fantabulosas actuacións.

Así que, se este verán teñen a oportunidade de ver en directo a este combo singular, non a deixen pasar. Asegurámoslles que non se arrepentirán.

DIOS KE TE CREW MAILA NAI QUE TE PARIU!!!

All Rights Reserved

Site Map | About Us | Manifesto | Contact | Terms of Use | Art Links | ©2008 theartwolf.com